terça-feira, 30 de março de 2010

2010 - Centenario Miguel Hernández


Como escribe Leopoldo de Luís, en pouco máis dunha década, Miguel viviu unha aventura lírica de gran riqueza e de sorprendente evolución. Abraiado polo xogo barroco de Góngora e dos gongoristas do seu tempo -Alberti, Diego...-, escribiu o cadro multicolor de 'Perito en lunas'. Sorprendido pola beleza bucólica de Garcilaso, polo seu "dolorido sentir", e por "las furias y penas" de Quevedo, escribiu 'El rayo que no cesa'. Pillado pola simboloxía ascética e conceptual de Calderón, escribiu 'Quién te ha visto y quién te ve'.
Collido polo trebón do surrealismo e a súa liberdade asociativa, escribiu poemas como 'Mi sangre es un camino', 'Sino sangriento', as odas a Neruda e Aleixandre e algúns outros poemas. Cegado polo heroísmo popular, escribiu 'Viento del pueblo'. E xa non abraiado, pero amargamente sorprendido pola dor e pola miseria dos comportamentos humanos, escribiu 'El hombre acecha' e 'Cancionero y romancero de ausencias'. A presenza de Miguel Hernández no panorama da poesía española é importante, tanto polo seu propio valor como polas súas relacións da época. Aparece nun momento brillante: cando a famosa Xeración do 27 está amosando a súa obra máis representativa.
Participa tamén da Xeración do 36, da súa corrente social inspirada nos movementos obreiros e reivindicativos, liña na que Miguel se encontra particularmente atraído en canto que leva dentro un innato sentido da xustiza e un vehemente amor ao pobo. A guerra civil, que irrompe aquel verán do 36 trastornando toda a sociedade española, situará a Miguel no centro dun importante movemento de poesía comprometida coa situación. Entusiasta e vitalista por natureza, non podía Miguel librala súa poesía das amargas circunstancias inducidas contra del e contra os seus.
Vítima ao longo do seu vivir de tantas inxustizas, convertese no máis grave cantor destas tres terribles ausencias que son a guerra, o cárcere e a morte. Xoia da poesía do amor ferido tanto como da poesía do aferrollamento, a súa derradeira produción convérteo nun dos máis altos poetas españois de tódolos tempos.

Por outra parte, a obra hernandiana destes últimos anos abriu camiños para a poesía da posguerra. Intensa produción hernandiana a de 1938 a 1940, boa parte escrita dende o cárcere, que se proxecta ata os xoves saídos da contenda, sen dubida desorientados e confusos, sen mestres e algúns ata case sen voz.
Extraído e traducido de : www.miguelhernandezvirtual.com

Son cada vez máis grandes as cadeas,
son cada vez máis grandes as serpes,
máis grande e máis cruel seu poderío,
máis grandes seus aneles envolventes,
máis grande o corazón, máis grande o meu.

Miguel Hernández.

Sem comentários:

Enviar um comentário