quinta-feira, 30 de setembro de 2010

Se cadra, son pequena de máis

Semello unha parasita
alugada na parte externa dos folículos
do seu cabelo
apreixada fortemente e chuchando nel
coma unha carracha teimuda
que permanece inamovíbel
na prezada extensión que a alimenta
succiónoo, igual que o vexetal
absorbe a humidade que lle dá a vida
Enriba súa, síntome unha insaciábel
chuchona
que adoita pendurarse das súas partes
e aferrarse coma un arácnido parapléxico
incapacitado para saír do microclima
que descubriu no medio das nádegas quentes
Debruzada, permanezo enriba do seu peito
Abrango un mundo de sensacións
e celebro a danza espasmódica dos orgasmos
na lene superficie do meu hospedador
Se cadra, son pequena de máis
e parasito con total impunidade
no copyright
tatuado entre os seus cadrís
mergúllome cara o fondo
e acomódome coma gasterópodo
adherido aos rochedos do litoral
fumego coma chama acesa
e fico sen cabeza, coa certeza
de ser sexo aberto, á espera...
A lentura posúeme
trócame nunha lagoa
cando me tombo na auga salgada
do seu pube
Estouro como un foguete en día de festa
ao ritmo que marcan os seus dedos
na miña pelve
No aquelarre, son cascuda Sherezade
e entrégome obsesa bailando en coiro
a danza dos sete veos
Chimpando, ás apalpadelas polo seu embigo espido
que bambea igual que un vimbio
no solpor que nos ispe de temores
e aprendo a comprendelo
enleada na súa lingua de amorodo
Aproximadamente
son 50000 lambetadas
as que se rexistran na epiderme
50000 degoiros
expresados na longametraxe do seu corpo
Os debuxos multiformes
invaden este territorio de meu e
avanzo
como un rexemento de formigas
facéndolle cóxegas
Conexa á miña lingua hai unha boca
mollada
que agarda enchouparse en min

Se cadra, sometereime
pois convénme

Cruz Martínez

Este poema conseguiu o segundo premio no Certame de poesía "Feliciano Rolán" Agosto -2009 A Guarda (Pontevedra)

quinta-feira, 9 de setembro de 2010


Eroticamente
cavilo nas miñas propias e núas cavilacións
de deus perdido na sombra.
Erótico é o pensamento
nas portas abertas
á miña/túa compaixón.
Sempre eroticamente
deixo fluir o meu astro
por entre os ríos
da miña incogruencia.
Astro interior que me levas
eroticamente a onda ti.
C’est la vie.
Non plus.
Ramón R. Nogueira

17 de setembro en Sargadelos, Vigo